Sunday 28 de April de 2024

Protección Civil da Laracha coopera no operativo para a extinción do incendio de Folgoso do Courel


O seu labor céntrase no apoio loxístico para o traslado de persoas e material.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha está a cooperar no operativo para a extinción do incendio do municipio lucense de Folgoso do Courel.
Atendendo á solicitude da Xefatura Provincial de Emerxencias, Protección Civil da Laracha achegou dous voluntarios e un vehículo todoterreo que desde a mañá de onte están ao servizo do posto de mando avanzado prestando apoio loxístico.

Os seus puntos de intervención son, principalmente, Triacastela e Samos, xa que a eses municipios foron evacuados parte dos veciños das vivendas afectadas polos incendios e aloxados en instalacións como o pavillón do colexio Eduardo Cela Vila e o Albergue Casa Forte de Lusío.

Os voluntarios laracheses, ademais de trasladar persoas e transportar enseres, roupa e alimentos, tamén se están a encargar de ofrecer protección e seguridade ao convoi dos vehículos particulares ao longo do traxecto duns setenta quilómetros de percorrido de regreso ás vivendas para aqueles veciños que foron autorizados. Durante as próximas horas continuarán cumprindo as indicacións do posto de mando avanzado.